Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2014

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A febre hemorráxica do Ébola ou enfermidade do virus Ébola (ICD-10) e informalmente "o ébola" (ás veces escrito Ebola) é unha enfermidade viral humana altamente contaxiosa e mortal que pode ser producida pola infección de catro das cinco especies de Ebolavirus, que son: Zaire, Sudán, Bundibugyo, e Costa do Marfil. Os ebolavirus tamén afectan a animais, e a quinta especie, o virus Reston, afectou só a primates non humanos e porcos. A especie prototípica é o ebolavirus Zaire, tamén chamado simplemente virus Ébola. O primeiro brote coñecido desta enfermidade aconteceu en 1976 nas beiras do río Ébola (ou Ebola), na actual República Democrática do Congo (antes Zaire), e en Sudán, e tivo unha taxa de mortalidade do 88%. A infección produce febre hemorráxica; o seu período de incubación pode variar dos dous aos vinte e un días. O virus multiplícase polo fígado, o bazo, os pulmóns e o tecido linfático causando danos significativos. Os seus síntomas clínicos son moi similares aos da febre de Marburg; comeza cunha forte sensación de febleza, cefalea intensa, náuseas, vómitos, dores musculares, diarrea, dor abdominal e na garganta, despois avanza con tose seca e dores punzantes no peito ao tempo que se desenvolven signos de deshidratación, insuficiencia renal e hepática, e coagulación intravascular diseminada. No sangue detéctanse síntomas de leucocitose neutrofílica, trombocitopenia e anemia producíndose xeralmente a morte na segunda semana da enfermidade por hemorraxia e shock.