(Go: >> BACK << -|- >> HOME <<)

Ir o contido principal

O Centro de Linguas Modernas ofrece este verán cursos de catalán, francés, inglés e turco

O prazo de matrícula comeza o día 1 de xuño
O prazo de matrícula comeza o día 1 de xuño
O prazo de matrícula, e no seu caso do test de nivel, comeza o día 1 de xuño. Os cursos diríxense ao alumnado da USC como servizo de apoio complementario á educación superior pero tamén ao resto da comunidade universitaria e a calquera persoa interesada maior de 18 anos que non pertenza á USC

O Centro de Linguas Modernas da USC abre o 1 de xuño o prazo de matrícula para a súa oferta de verán de cursos de idiomas. Nesta ocasión, ofrécense cursos de iniciación a catalán e francés, de nivel intermedio de inglés e francés e un último en modalidade virtual de iniciación ao turco. 

Todas estas actividades están dirixidas ao alumnado da USC como servizo de apoio complementario á educación superior pero tamén ao resto da comunidade universitaria e a calquera persoa interesada maior de 18 anos que non pertenza á USC. 

En concreto, o curso de catalán impartirase en horario de mañá do 25 de xuño ao 5 de xullo, cun total de 40 horas. O resto dos cursos serán de 25 horas. O inicial de francés desenvolverase do 17 ao 28 de xuño, o intermedio dese idioma do 8 ao 19 de xullo e o intermedio de inglés entre o 9 e o 22 de xullo. 

Curso de turco
O curso de Turco, a desenvolver entre o 17 de xuño e o 12 de xullo, será destinado preferentemente ao alumnado con estadías académicas adxudicadas nas universidades turcas ao longo do curso 2024-25, pero preténdese que este idioma forme parte da oferta da USC no vindeiro ano académico, ao abeiro dun convenio asinado hai uns meses coa embaixada de Turquía. Así, terán lugar cursos semestrais ou seminarios intensivos de lingua turca para o público universitario e xeral, que poderán ser impartidos de modo presencial ou en liña.  

Matrícula e test de nivel 
As persoas interesadas nas actividades de nivel inicial poderán matricularse directamente dende a páxina web do CLM, pero hai que ter en conta que para os cursos de francés e inglés de nivel intermedio é preciso realizar un test de nivel gratuíto, presencial ou en liña, para o cal haberá que inscribirse previamente. O test de francés terá lugar o 28 de xuño e o de inglés o 1 de xullo. 

Para o estudantado da USC todos os cursos terán un custe de 52,50 euros agás o de catalán, que será de balde para estudantes de mobilidade a universidades catalás grazas a unha subvención do Institut Ramón Llull. Os de francés, inglés e turco teñen unha tarifa de 65 euros para a comunidade da USC e de 100 para o resto, mentres que o de catalán ten un custe de 104 e 160 euros, respectivamente. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2024.